A fala é comunión e sentimento,
historia compartida intimamente,
sufrimento de todos,
amor de cada un
e tamén amor de todo o pobo,
laio e canción,
nai que nos abrangue i arrola,
estrela milagreira que nos guía
e fai que os nosos corazós
latexen xuntos.
A fala é a voz da terra
e máis do mar,
o vencello que nos xungue
no tempo cos que foron
e máis cos que ha de ser.
Desconfía, ¡ouh pobo meu!,
estén alerta contra aqueles
que deixan a túa fala
e din que te aman.
Quen non está contigo
é teu inimigo, aínda
que os seus beizos
che mintan un amor
que nunca alumou o seu corazón.

Advertisements