Galicia

Galicia docemente
está ollando o mar:
¡ten vales e montañas
e terras pra labrar!

Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos,
¡cargados de traballos,
cargados de trafegos!

Galicia é unha nai
velliña, soñadora:
¡na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galicia é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
¡Pero ha outra Galicia
que vai no sentimento!

Galicia somos nós:
a xente e máis a fala
¡Si buscas a Galicia
en ti tes que atopala!

Advertisements

O arado

Labrado da miña mau
fixen, coa miña navalla,
un aradiño de pau…

Leva temón e chavella
e unha rella furadora
feita dunha lata vella!

Te orelleiras; rabela
tan ruída e rematada
que namora mirar para ela!

O meu arado é tan feito
que pode mesmo esfender
labradíos a barbeito…!

Teño que darlle estreno
ao meu arado arador,
ao meu arado pequeno…!

E non sei a onde ei de ir
buscar os bois que preciso
buscar os bois para xunguir!